por Xurxo Borrazás
Este título refírese non só a que a depresión é a doenza mental máis común nos sistemas de saúde, a que o consumo de antidepresivos experimentase en dúas décadas un aumento superior ao 100 %, tampouco a que o número de suicidios fose en 2021 o maior da historia. No presente artigo ocupámonos da resposta terapéutica a problemas sociais que deberían ser obxecto dunha resposta política. Indagaremos asemade nas motivacións que levan as elites a optar por esta vía, que como non cura a doenza non é xenuinamente terapéutica, limítase a actuar sobre os síntomas dos problemas, coa escusa de que non hai cura á vista. “Resulta máis doado imaxinar a fin do mundo que a fin do capitalismo”, escribira Fredric Jameson.
U-las vantaxes desta práctica? Unha por riba de todas: agochar o carácter colectivo dos problemas sociais circunscribíndoos ao ámbito da afección persoal (nada máis individual que o corpo), o que fai que o individuo procure solucións individuais ou mesmo se sinta responsábel en primeira persoa de males estruturais. “A sociedade non existe” sentenzara Margaret Thatcher.
O proceso responde ao “síndrome de Münchhausen por poder”, no que alguén inventa ou provoca lesións ou síntomas artificiais dunha enfermidade noutra persoa ao seu coidado. No caso que nos ocupa, os gobernantes sobre os gobernados ou as elites económicas sobre a poboación xeral. Non se persegue a destrución do doente senón a súa vulnerabilidade e dependencia. Levado á política, o mantemento dun statu quo sen reacción ante as inxustizas, que pasan a definirse como desgrazas. Diante das “desgrazas” cómpre adoptar solucións de urxencia: polas boas, medicación. Polas bravas, terapias agresivas.
Abonda de metáforas. Se o patrón te explota, esquece o sindicato, toma estas pílulas cada oito horas e levaralo mellor. Se o traballo che parece degradante, a causa pode estar na infancia que padeceches. Se che baixan o salario pero che instalan unha sala chillout, vai unha cousa pola outra. Se a factura da luz se dispara, aí van uns trucos para aforrar creativamente. Se nas escolas faltan medios, bolsas e profesorado, toma cursos online sobre autoestima, afectos e gamificación.
As novas tecnoloxías son grandes aliadas á hora de conseguir atomizar as persoas cunha sensación de benestar, como fan as drogas. Os libros ou contidos audiovisuais de autoaxuda tamén. Uns e outras repítenche que a solución aos teus males podes atopala en ti, buscala no exterior é síntoma de debilidade e o fracaso responde á incapacidade persoal para exercer a túa responsabilidade. Se en último caso vas reclamar algo, non pidas xustiza, nin sequera solidariedade, pide caridade ou axuda humanitaria. Así si, serás atendido. A inxustiza revelaría que o sistema non funciona. A caridade é proba de que o sistema incorpora recursos para corrixir as súas eventuais disfuncións, non achacabeis ao sistema senón ao déficit performativo do individuo.
É congruente que o sistema favoreza a omnipresenza da figura da “vítima”, sexa do tipo que sexa, porque sempre será individual. Ante calquera traxedia, unha catástrofe natural, un grave accidente laboral ou unha masacre terrorista, as autoridades poñen en marcha dous mecanismos: retrasar a investigación das causas e tomar medidas que impidan que se repitan (isto apuntaría a erros estruturais e responsabilidades políticas), e lanzar un desembarco inmediato de psicólogos para atender os afectados (actuación positiva do sistema fronte a desgrazas persoais).
A dominación terapéutica
Estamos fronte ao clásico “divide e vencerás”, máis vello cá manteiga de porco: illar as persoas, infundirlles alarma e ofrecerlles protección, desestruturar a base asociativa das clases traballadoras e marxinadas, cos sindicatos á cabeza, desconectar os acontecementos para que non se fagan evidentes os patróns polos que se rexen, etc. Neste sentido, algunhas interpretacións solipsistas das políticas identitarias convírtense en aliadas do statu quo, ao seu pesar. Estas políticas, por definición, polas dinámicas de interacción e reivindicación das minorías feridas, tenden á atomización e a remarcar a vulnerabilidade das persoas que as integran. Por iso, o sistema non só as tolera senón que, a cambio de que se centren nesa vulnerabilidade e permanezan atomizadas, apoiaraas con cautela ou mesmo tratará de asimilalas.
Claro que hai abusos intolerabeis, claro que é necesario denuncialos, máis que nunca, pero cantos máis casos se destapan, máis evidente resulta que non son casos illados senón problemas estruturais. Os abusos a menores están relacionados coa violencia machista e a marxinación LGTBI+, e estas coa relixión e a sociedade de clases, o colonialismo, o militarismo, a desfeita natural e a explotación laboral ou a xenofobia. Se non as atacamos coordenadamente, é coma se o noso equipo de fútbol atacase cun só xogador, por moi figura que sexa, mentres o rival se defende e contraataca cos once.
O nefasto é que esta maquinaria de debilitamento e dominación terapéutica, tan propia dos grupos reacccionarios, é asumida por forzas que se proclaman de esquerda. A explicación perversa é que se trata de axudar os desfavorecidos, para o que fan seu o modelo da caridade, con axudas sintomáticas que non resolven a enfermidade senón que a enmascaran, ou agrávana, como as rebaixas fiscais liñais, a medida estrela da dereita que agora abandeiran o PSOE e Podemos, que benefician as grandes fortunas e corporacións e esgotan a capacidade do Estado para recaudar e prestar os servizos sociais básicos.
Qui prodest? Quen se beneficia?