Cada verán os catro confíns de Galiza énchense de concertos e festivais, os xornais e suplementos estivais non dan abasto elaborando guías e calendarios para que a xente non se perda e poida saltar de festa en palco sen tocar o chan. Entre todas elas, constitúe unha extravagancia a que non está parcial ou totalmente sufragada polas administracións públicas. As consellerías e organismos dependentes, deputacións e concellerías son as novas comisións de festas e promotores de espectáculos e variétés. Para o noso asombro a xente non protesta, todo o contrario, dá botes de ledicia e baila ao ritmo que toque a orquestra. Peor aínda, vese como normal e entenden que unha das funcións dos gobernos é organizarlles a diversión. O aspecto máis daniño e renarte da ideoloxía é que parece non selo, é a maneira en que as cousas supostamente son e ninguén se cuestiona que poidan ser doutra maneira. Á ideoloxía chégase a base de borrar as pegadas de quen a impón. Como a capa de invisibilidade de Harry Potter, beneficia a quen a leva e sitúa en desvantaxe ao resto. A mellor vaselina para naturalizar unha ideoloxía é o mantra do “sentido común”, que coincide coa axenda dos que marcan o paso e marca a lume frío a quen non se deixe levar no baile. O capitalismo é un exemplo de ideoloxía triunfante, que desarma calquera cuestionamento criminalizando ou patoloxizando os seus rivais por poñer en perigo o ben común. O triunfo do capitalismo é tan absoluto, que leva a pensadores marxistas a afirmar que “resulta máis doado imaxinar a fin do mundo que a fin do capitalismo”.
As artes pasaron con Fraga Iribarne a ser o susceptíbel de ser convertido en evento para atraer xente de fóra e facerlle esquecer á cidadanía o carácter galego e crítico naquela altura: o Xacobeo, o folclore, o patrimonio arquitectónico, a natureza, a gastronomía e as festas.
A política do panem et circenses vén de lonxe pero cando Xuvenal creou a expresión na súa Sátira X, a mesma na que introduce a frase mens sana in corpore sano, foi para criticar a desidia das persoas que renunciaban a responsabilizarse do seu destino abdicando dos dereitos civís, conformándose con ser mantidos e entretidos por un imperio que, en troques, evitaba críticas e rebelións. Cambiade o pan polas festas gastronómicas e os gladiadores polos cantantes de OT e velaí, dous mil anos non son nada. Comer ben e escoitar música en directo son dous grandes praceres, pero que os financien as institucións é unha anomalía. Se o fan as institucións de todo o espectro político, non deixa de ser unha anomalía asumida por todas elas, unha ideoloxía triunfante e invisíbel que non ten parangón noutros lugares, como a de premiar escritores mortos. Alguén imaxina o goberno dos EUA contratando as bandas do festival de Woodstock? Se ademais de financiar o ocio, os poderes públicos o organizan e programan os seus contidos, entramos noutra dimensión, a do monopolio (a ver quen é o guapo ou guapa que se mete a competir cos orzamentos públicos) e a enxeñería social para incubar unha poboación de persoas pasivas e fóra da realidade. Non sabería afirmar con precisión cando se fodeu este Perú, parece claro que a chegada de Fraga Iribarne á Xunta de Galicia lle deu un bo pulo. Un dos inimigos do ministro franquista era o discurso cultural galeguista e a súa reacción foi reconverter o concepto de artístico para equiparalo ao turismo. As artes pasaron a ser o susceptíbel de ser convertido en evento para atraer xente de fóra e facerlle esquecer á cidadanía o carácter galego e crítico naquela altura: o Xacobeo, o folclore, o patrimonio arquitectónico, a natureza, a gastronomía e as festas. A música alternativa ao folclore, o teatro, xa non digamos a literatura, quedaban arrombadas ou recluídas en festivais e feiras. O primeiro Xacobeo de Fraga Iribarne e o seu escudeiro Pérez Varela tivo lugar en 1993 e o seu evento bandeira foi o Concerto dos Mil Anos na Coruña: Bob Dylan, Neil Young, Chuck Berry, Sting, The Kinks, Jerry Lee Lewis… O nunca visto! Un día é un día e un peso gastouse. Marcou o camiño e hoxe é a norma. Nos últimos anos as institucións compiten encarnizadamente por ver quen compón o mellor cartaz, distorsionan o contexto musical e subcontratan con empresas que se fan fortes e aproveitan para chantaxear aos propios contratantes e explotar os asistentes. Unha festa. Ata os anos ‘80 había festas gastronómicas contadas ou de ámbito local: o Polbo, o Albariño, o Marisco… hoxe non hai aldea que non conte con varias. Daquela tiñamos a Festa da Istoria en Ribadavia e hoxe non hai cidade ou vila sen a súa Feira Histórica, mesmo O Porriño. Vigo é un caso paradigmático e transparente, con concertos teloneados contractualmente un a un polo alcalde e o resto da axenda cultural copada polo Antroido, a Reconquista, o Cristo da Vitoria, o Marisquiño e o Nadal+Cabalgata, todo capitaneado e sufragado polo Concello e todo con dous obxectivos, o evento turístico e o autobombo. Esta praxis está tan naturalizada que o que noutro lugar sería inconcebíbel, aquí suscita aclamación, especialmente porque a maioría dos actos son de balde. Na Coruña o propio Concello proporciona as rachas para encher a praia de lumeiradas! Os antroidos máis irreverentes e participativos vanse canalizando cara a desfiles e carrozas ao estilo Illas Canarias. Que queremos, fundir a Panorama? Baleirar os torreiros? Por Deus! Longa vida ás orquestras! Varrerannos a vasoirazos pero as institucións na cultura deberían limitarse, como obriga e non como dádiva, a defender a lingua, protexer o patrimonio material e inmaterial e dotar de equipamentos e servizos: en literatura abrir bibliotecas e dotalas, non organizar actos literarios. Se deixan de embutirnos a Raphael ou Pimpinela, a iniciativa particular faranos bailar coas bandas de mozos e mozas de Galiza que non atopan palco para tocar nin local onde ensaiar. Tamén coas bandas de fóra pero, coma os coches ou os electrodomésticos de fóra, que cadaquén pague o seu.