Unha Declaración de Impacto Ambiental (DIA), como a que a Xunta vén de formular sobre a macrocelulosa de Altri, non pecha o debate sobre o carácter desexábel e ou non de ningún proxecto, tanto se é favorábel como se non o é. Nin é un documento puramente técnico, nin é incuestionábel, nin aborda todas as cuestións relevantes a ter en conta, nin sequera desde o punto de vista da sustentabilidade ecolóxica.
A Xunta pretende presentar a DIA da fábrica de Altri para a produción de fibra téxtil a partir de madeira de eucalipto como a proba irrefutábel de que é ambientalmente aceptábel, “porque así o din os técnicos”. Mais non hai DIA totalmente allea á política, mais aínda cando existe un posicionamento gobernamental previo forte ao respecto da iniciativa avaliada. Algo que acontece baixo calquera goberno. A fin de contas as DIAs están asinadas por un cargo político, un director ou directora xeral. E quen deron a cara perante os medios á hora de presentar esta DIA foron dúas conselleiras, sen o acompañamento de persoal técnico.
O proceso de avaliación ambiental vai, en grande medida, de asegurar a adecuación dun proxecto á normativa de protección ambiental que, cambiante, mellorábel e, con non pouca frecuencia, incumprida na práctica, non garante a ausencia de impactos ou riscos que a cidadanía poida entender como inasumíbeis. O que, por suposto, ten unha carga valorativa.
Poñamos un exemplo. A DIA acha que non se incumprirían os estándares legais relativos ás concentracións de contaminantes atmosféricos no aire, o que poderiamos admitir se damos por bo o estudo de dispersión presentado pola empresa, como semella fixeron os técnicos da Xunta na materia, o que talvez poida ser cuestionado por outros técnicos. Pero mesmo cumprindo a lei, o que non é difícil, un pode considerar igualmente que a calidade do aire sería mala, porque a normativa, a pesar dos seus avances, aínda está lonxe de protexer ben a saúde, de acordo co coñecemento científico dispoñíbel máis recente.
É indubidábel que a fábrica de Altri empeoraría non pouco a calidade do aire. Pero a valoración sobre en que medida o faría depende de onde poñamos o nivel de esixencia. Se tomamos como referencia as recomendacións da Organización Mundial para a Saúde (OMS), moito máis estritas que a normativa legal, o efecto será ben peor. Mesmo pode considerarse que a calidade do aire aire na zona afectada xa non é boa actualmente, como na práctica totalidade do país e do mundo. Sempre segundo un estudo encargado por Altri para o procedemento de avaliación ambiental, supérase por pouco o límite aconsellado pola OMS para a contaminación por partículas inferiores a 2,5 micras, un dos contaminantes máis preocupantes para a saúde. Á marxe do que suxira a OMS, parece claro que a poboación da Ulloa non se conforma co cumprimento da lexislación vixente e quere a (mellorábel) calidade do aire característica hoxe dunha área rural, e non o da contorna dun grande foco contaminante industrial.
O nivel de esixencia na aplicación da normativa ambiental tamén conta. Por exemplo, neste caso, se a Xunta tivese sido tan só un pouquiño máis ambiciosa na implementación da Directiva Hábitats, os terreos onde se pretende instalar a macrocelulosa de Altri integrarían a rede europea de espazos naturais protexidos Natura 2000, como parte da Zona de Especial Conservación (ZEC) da Serra do Careón. De ter sido así, é difícil imaxinar -aínda que, se cadra, non tanto- que a Dirección Xeral de Patrimonio Natural dese luz verde. Porén, dentro ou fóra da rede Natura 2000, os valores naturais dos terreos son os mesmos e a súa perda igual de lamentábel.
Por outro lado, hai aspectos ambientais fóra do radar dunha DIA. É o que acontece coas emisións de dióxido de carbono (CO2) -non tóxicas mais causantes de cambio climático- orixinadas pola combustión de biomasa, pois non están incluídas a nivel internacional na contabilidade oficial das emisións (por decisión política). A biomasa (subprodutos do tratamento da madeira) é unha das fontes de enerxía que empregaría a macrocelulosa de Altri, xunto con electricidade e gas fósil (gas natural). Polo tanto, é falso o que afirma Altri na súa publicidade de que non usaría enerxía fósil, contrariando a súa propia documentación. Queimaría gas fósil que chegaría en camións cisterna desde a regasificadora de Reganosa en Mugardos, usando en parte a autovía Santiago-Lugo. Outros dous proxectos “estratéxicos” con DIAs favorábeis.
As DIAs céntranse nos impactos locais e, nun proxecto como este, pasa por riba dunha cuestión tan fundamental como é a súa incidencia na superficie plantada con eucaliptos en Galicia. Simplemente recolle a afirmación de Altri de que “utilizará eucalipto existente e/ou excedentario que na actualidade se comercializa fóra de Galicia”. Algo obviamente nada críbel. Non sería posíbel abastecer unha nova celulosa como esta no noroeste da Península Ibérica sen, ou ben incrementar substancialmente a eucaliptización, ou ben importar moita madeira desde o sur de América. Nos dous supostos, igualmente indesexábeis, os impactos negativos sobre a biodiversidade e a paisaxe serían cuantiosos. E que a madeira de eucalipto fose certificada (PEFC ou FSC) pouco mudaría as cousas. Non é con proxectos así que se vai facer menos insustentábel a industria da moda.
A DIA positiva do Goberno galego estaba cantada e, ademais, non supón ningún “certificado de sustentabilidade”, polo que quen ten a chave da viabilidade real da fábrica de Altri, o Goberno estatal, pouco a debería ter en conta á hora de decidir se lle conceder ou non os 250 millóns de euros de axuda pública que precisa. Agardemos que oia ben o clamor popular e a súa resposta sexa tamén “Altri non”.