A CRUZADA ENMASCARADA

por Luís Álvarez Pousa

Incinerado o 2020, e coas vacinas inmunizadoras facéndolle o corredor ao 2021, cabe a tentación de delegar nesa liberadora demostración científica todas as nosas máis inmediatas aspiracións. Sería profundamente humano, pero impediría acometer, con sentido cívico, a máis que urxente rehabilitación de todo o que, por estar coas defensas en baixa, detonou ou enmascarou a Covid19.

Cómpre detectar corrementos institucionais e políticos que, se ben xa estaban latentes, avanzan agora ao trote aproveitando o estrondo da pandemia. A emerxencia sanitaria está sendo en España o burladeiro que determinadas forzas vivas necesitaban para revestir de patriotismo unha auténtica cruzada de poder, cos ramalazos ideolóxicos propios dun trasnoitado nacionalcatolicismo. Outravolta, a política e a relixión, como ultimamente visualiza a revolta contra a lei Celaá. Mesmo desafiando a autoridade do papa Francisco, como fan os de VOX e os bispos cos que comungan en facherío. O teólogo Juan José Tamayo define o fenómeno co término “cristoneofascismo”.

Atacar ao goberno de coalición por “ilexítimo”, e facer imposible o que a Constitución ordena en relación coa representatividade dun parlamento plural nas principais institucións do Estado, é o punto cero desa estratexia. Niso converxen as tres dereitas. Co apoio das finanzas e do poder xudicial, que leva anos liderando ofensivas políticas (iso que se describe co término “lawfare”), tan exitosas como a que acabou cos do procés presos, forzando o relato dos feitos moito máis alá da realidade. Coa unidade de España como santo e seña, tribunais conservadores como o Supremo e a Audiencia Nacional castigan todo o que se desvíe dese obxetivo político.

É polo que pasaron 12 independentistas galegos, agora absoltos, para os que se pedían 100 anos de cárcere. E o abertzale Otegi terá que repetir o xuizo que o condenara a seis anos de cárcere, que cumpriu. E para darlles gusto aos que siguen querendo levar a patíbulo aos encarcerados do procés -entre eles, os altos mandos militares na reserva que lle piden ao rei que pilote un golpe brando contra o goberno comunista/bolivariano saído das urnas e os suboficiais que os secundan con cánticos nazis nos cuarteis-, os fiscais utilizan agora argumentos políticos para posicionarse contra os seus indultos.

Por iso, que Felipe VI se esquecera no discurso de Noiteboa das tropelías do Emérito fugado non me parece tan grave como que se enrocase nas proclamas máis franquistas das dereitas, quedando así patente ao describir o periodo da guerra civil e da ditadura  non como o resultado dun golpe de Estado senón como un “largo periodo de enfrentamientos y divisiones”. Ou, como capitán xeral que é dos exércitos, obviando o ruído de sables entre os seus máis directos subordinados, que contan como sabe co alento dos neofascistas e, aínda que sexa a media voz, coa comprensión do PP.

Contra estoutros virus, a vacina da democracia.