por Luís Álvarez Pousa
Coa guerra ucraína en formato cinemascope, rompendo sobre a pantalla do mundo tódalas crises dos últimos anos e forzando nun espectacular background a volta á guerra fría entre bloques protagonizado pola OTAN, non parece se non que estamos abocados a sobrevivir nun tempo de connotacións apocalípticas. Nese novo marco de relacións internacionais, a inxustificable invasión de Ucraína ordenada por Putin convertiuse na coartada perfecta para que os gobernos occidentais, con Biden blandindo a batuta, resucitasen a Alianza Atlántica, a estrutura político/militar coa que poder blindar os intereses do capitalismo anexados a ela. No cumio que vén de celebrar en Madrid quedou revalidada como organización de seguridade, e aínda máis, sae proxectada dese cónclave como a salvagarda, por contraposición con Rusia e China, das democracias.
A volta ao sistema de bloques, e a conseguinte operación de rearme e gasto militar que conleva a dependencia atlantista, é o maior dos torpedos contra un modelo de mundo e de sociedade que se rixan polo dereito internacional e que tamén pón en perigo o proxecto europeo en términos de autonomía política, económica, enerxética e estratéxica.
Tendo en conta o historial da OTAN, incluído ese saír por pernas de Afganistán vergoñentamente derrotada, salta á vista que os mandatarios atlantistas teñen da democracia unha concepción cortoplacista, moldeable en función dos intereses que teñan en cada circunstancia histórica. Actualmente, urxidos e condicionados todos eles pola tormenta case perfecta que está a punto de explosionar no mundo. Véndose sometidos a ese ameazador tsunami no que converxen as feridas e os desequilibrios sociais pola crise financeira do 2008, a crise climática, a crise sanitaria provocada pola pandemia, a crise mundial causada pola invasión rusa e a guerra de Ucraína, e cantos outros fenómenos van anexados: a guerra da enerxía provocada por renunciar aos combustibles rusos coa idea de asfixiar a Putin, os procesos inflacionarios que derivan dela cos prezos desbocados e a economía desactivada, as crises alimentarias por mor dos bloqueos bélicos…
É por iso que lle dan carta branca á OTAN na súa nova e expansiva escalada, que coincide na práctica co proxecto de Washington de perpetrar a súa hexemonía sobre a maior parte de Europa e a rexión Asia-Pacífico. O que comporta unha estratexia de acoso que acabe facendo real e definitivo o verdadeiro obxectivo da administración norteamericana desde a caída do muro de Berlín, que non é outro que o da condena de Rusia ao ostracismo, unido simultaneamente a esoutro moito máis imprescindible actualmente para ela como é o de anchear o cerco co que pararlle os pés a China.
Nun momento ademais no que, como se puido apreciar a través das escasas tres mil persoas de todo o Estado que tomaron parte na manifestación anti-OTAN e pola Paz en Madrid, todo parece indicar que se ten producido unha desmobilización pacifista nas sociedades dos países asociados. Un éxito máis que se lle pode atribuir a Putin, pois nada como visionar a súa brutalidade invasiva e sufrir as consecuencias inflacionistas derivadas da estratexia de castigo co obxectivo de neutralizala para que os esforzos das elites políticas, mediáticas e económicas de EE.UU., Reino Unido e a UE por modificar a conciencia pacifista e anti atlantista teñan calado nas poboacións. Non doutra maneira se terían atrevido as autoridades de Suecia e Finlandia a romper a súa neutralidade e solicitar a súa entrada na organización.
O acordado no cumio comporta sobre todo para Putin pero tamén para Xi Jinping un dos máis incandescentes desafíos. O primeiro deles xa o esperaba, e por iso ordenou que os bombardeos volvesen a Kiev o mesmo día en que os dirixentes dos sete países democráticos máis industrializados se conxuraban contra el nos Alpes bávaros. E o segundo tamén, porque Biden veu multiplicando ultimamente os seus xestos provocativos cara Pekín, incluído o dunha defensa militar de Taiwán se fose necesario. Porén, non por iso deixa de ser extremosamente provocativa redefinir ad hoc a finalidade da Alianza.
O que convida a analizar as posibles reaccións e tamén os custos. Se no caso de Putin as reaccións case seguro que van estar en liña con prolongar a guerra, no que respecta a China todo presupón que se traduza en consolidar a súa alianza con Rusia. Unha pésima nova para Europa, á que non lle interesa en absoluto enemistarse con Pekín. É certo que, pese ao elevadísimo gasto en defensa dos seus estados membros, moito maior en conxunto que o da Federación rusa, a UE non ten capacidade propia de defensa, e esa é a escusa para estar na OTAN. Pero o prezo a pagar é esaxeradamente alto. Porque queda ao servizo dun bloque, que é tanto como quedar ao servizo dos intereses de quen ostenta maior poder nel, EE.UU.
A volta ao sistema de bloques, e a conseguinte operación de rearme e gasto militar que conleva a dependencia atlantista, é o maior dos torpedos contra un modelo de mundo e de sociedade que se rixa polo dereito internacional e polos principios da carta de dereitos humanos. Como é tamén un torpedo que pón en perigo o proxecto europeo en términos de autonomía política, económica, enerxética e estratéxica. Xusto á que os nosos dirixentes en Bruxelas, urxidos polos extremoso impacto que supuxo para eles -e para todos nós- a agresión de Putin, parecen haber renunciado, buscando a nosa complicidade en base a argumentar que o fan paradoxalmente en nome dos principios europeos, e buscando á vez a nosa aceptación dos sacrificios que reporta esa decisión, e que con tanta desesperación e desesperanza soportan os sectores máis pobres e vulnerables da sociedade en todos e cada un dos países da UE. Co agravante de que despois dos últimos catro meses, a lóxica deses sacrificios non os dicta a UE senón a OTAN.
Quedou definitivamente escriturado no cumio de Madrid. Co chamado flanco sur -África, en definitiva- na axenda de preocupacións. Non tanto polos riscos que a situación global comporta para as sociedades dun bo número de países africanos, como pola crecente presencia de China nese continente e polo medo a que as hambrunas que poideran acabar producíndose acaben desencadeando desprazamentos masivos das poboacións cara Europa.
O que nos leva a concluir, en palabras do economista J. Sachs, que se Europa quere apostar por mellorar o mundo, non debería fixar a súa prioridade no marco da lóxica de bloques, senón en focalizar os seus esforzos na consecución dunha solución negociada á agresión de Putin sobre Ucraína “e en asegurar a educación para cada neno en África”. Pois iso.